Friday 17 de May de 2024

Unanimidade en todos os puntos tratados no último pleno ordinario do ano do Concello de San Sadurniño


Este xoves 30 de novembro celebrouse en San Sadurniño o derradeiro pleno ordinario do ano. Unha sesión que inicialmente levaba catro puntos para debate e votación: a acta da sesión anterior, a modificación do regulamento da EIM A Rolada, a actualización das taxas municipais segundo o IPC e unha moción rexistrada polo BNG reclamando que a Xunta inclúa nos orzamentos autonómicos de 2024 unha serie de investimentos en San Sadurniño. Porén, a maiores, o Grupo de goberno solicitou a incorporación pola vía da urxencia de dúas mocións, unha relativa á declaración institucional con motivo do 25N e outra pedindo que se utilicen como recurso tractor de novas industrias os 1.400 MW que quedan libres no nó de evacuación eléctrica das Pontes tralo peche da térmica. Tanto estes dous asuntos que non figuraban na orde do día como os outros da parte resolutiva obtiveron o apoio unánime da corporación.

Trala votación da acta do anterior pleno, o Executivo local solicitou debater en primeiro lugar, e pola vía da urxencia, o manifesto institucional con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a Muller. Un texto que xa viña consensuado da comisión informativa de asuntos do pleno e que, polo tanto, saíu aprobado polos votos favorables do BNG, do PP e do integrante socialista do Grupo Mixto. Nel rexéitase o negacionismo que nos últimos tempos cobrou forza arredor da violencia machista e reivindícase maior investimento público para rematar con esta lacra da Sociedade.

Tamén se reafirma o compromiso do Concello de desenvolver políticas que incidan na sensibilización e a prevención, ademais de instar á Xunta para que amplíe a rede de Centros de Información á Muller e, no caso do Estado, que se lle dea cumprimento efectivo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Tras ratificar no pleno o contido da declaración, os grupos, xa si, metéronse na modificación do regulamento da EIM a Rolada para incluír varias observacións formuladas pola Xunta coa finalidade de harmonizar a normativa dos centros autonómicos, municipais e privados en toda Galicia. O asunto tamén se aprobou por unanimidade, non sen antes criticar o que desde o Grupo de goberno -e incluso por parte da Secretaría municipal- se considera unha intromisión na autonomía municipal, dado que a regulamentación do funcionamento da escola é competencia do Concello. Tamén se criticou o xeito en que se aplicou a gratuidade do servizo decretada pola Xunta que, segundo o equipo de goberno, supón un importante esforzo económico que non se está vendo compensado polos fondos autonómicos.

Tamén houbo acordo dos tres grupos municipais no seguinte tema da orde do día, relativo ao incremento das taxas segundo o IPC. O incremento, aplicando o índice publicado polo INE, será dun 3,6% e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024. A variación tomando como referencia o Índice de Prezos ao Consumo vén recollido no articulado de todas as ordenanzas, co obxectivo de amortecer o aumento do custe da vida na prestación de certos servizos.

Na parte final da parte resolutiva do pleno tratouse unha moción presentada polo BNG para que os orzamentos da Xunta de 2024 incorporen varios investimentos no territorio: reparacións no CPI San Sadurniño -que este ano está de 50º aniversario-, a demanda histórica de que se urbanice o chan industrial, a transferencia da escola infantil ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a execución dunha nova fase de consolidación no castelo de Naraío, a mellora dos servizos de Atención Primaria no Centro de Saúde e, por último, a reparación integral da antiga estrada das Pontes entre Igrexafeita e Espiñaredo.

Os tres grupos estiveron de novo de acordo coa proposta da alcaldía, aínda que o punto tamén derivou nun animado debate no que o PP quixo poñer en valor o recente investimento de 260.000 euros por parte da Xunta en varios equipamentos municipais, mentres que o BNG retrucou que o goberno autonómico “nunca nos veu traer os cartos, sempre houbo que facer xestións”, ademais de lembrar que o ensino e a industria -ao que se referían parte das peticións- son competencias autonómicas.

Por último, antes de entrar nos rogos e preguntas, no pleno deuse conta dos expedientes aprobados desde a anterior sesión. Entre eles destaca o informe sobre o período medio de pagamento a provedores do terceiro trimestre de 2023. Neste sentido, San Sadurniño efectuou pagamentos por valor de 503.000 euros, sendo o prazo medio desde que se aproban as facturas ata que se lle ingresa o importe ás empresas de tan só 2,15 días, “o período máis curto de todos os concellos da comarca e posiblemente de toda Galicia”, asegurou Secundino García.

Mocións, rogos e preguntas
O derradeiro tercio do pleno, o das mocións, rogos e preguntas, ocupou máis da metade do tempo dunha sesión que durou unha hora e oito minutos. Antes de entrar na quenda das cuestións que se lle expoñen á alcaldía, o BNG solicitou incorporar por urxencia a terceira moción do día, demandando do Estado que se convoque o denominado Concurso da Transición Xusta para o nó de evacuación eléctrica das Pontes.

Os nós de transición xusta son aqueles onde a capacidade de acceso á rede eléctrica -liberada trala clausura das centrais térmicas ou nucleares- se adxudica mediante concurso para que sexa empregada por novas centrais de enerxías renovables que se conecten ao nó de evacuación. A capacidade de acceso outórgase tendo en conta criterios de beneficio socioeconómico e ambiental para as zonas afectadas polos peches. No caso das Pontes en teoría quedarían libres 1.400 MW -os que producía a térmica-, pero a realidade é que, segundo Rede Eléctrica, a dispoñibilidade de evacuación é de 0 MW. A proposta sometida a pleno -que pon como exemplo o caso do Concurso de Transición Xusta de Andorra-Teruel- pide que se saquen a concurso 700 MW e que os outros 700 se sigan producindo con dous dos grupos da central mentres non se concreten os proxectos de reindustrialización da comarca.

Os rogos/preguntas, todas elas presentadas polo PP, interesáronse pola situación económica do Concello en canto a débedas, en referencia ao Plan de Aforro e Investimento habilitado pola Deputación como crédito -co que se construiu o centro de empresas e a escola infantil- hai varios anos que, segundo o Executivo local, non será necesario devolver. O principal grupo da oposición tamén preguntou polo funcionamento dos Servizos Sociais municipais, pola dispoñibilidade dos novos locais para grupos políticos que se habilitaron na Casa da Cultura e pola previsión de remate de varias obras actualmente en marcha.

Os detalles do debate poden repasarse no vídeo do pleno dispoñible na canle de Youtube do Concello, onde se encontran publicadas todas as gravacións do que levamos de mandato corporativo.